As boas noticias segundo Xoán 5:1-47

  • Xesús cura un home enfermo en Betzata (1-18)

  • O Pai dálle autoridade ó Fillo (19-24)

  • Os mortos escoitarán a voz de Xesús (25-30)

  • Testemuños sobre Xesús (31-47)

5  Despois disto, chegou unha das festas* dos xudeus e Xesús subiu a Xerusalén. 2  En Xerusalén, ó lado da Porta das Ovellas, hai un estanque que en hebreo se chama Betzata, que ten cinco pórticos. 3  Alí había deitados moitos enfermos, cegos, coxos e persoas que tiñan as mans ou os pés paralizados. 4  —* 5  Entre eles había un home que levaba enfermo 38 anos. 6  Xesús viu este home alí deitado e, como sabía que levaba moito tempo enfermo, preguntoulle: “Quéreste curar?”. 7  O enfermo contestoulle: “Señor, non teño a ninguén que me meta no estanque cando a auga se move. E cada vez que vou entrar, alguén baixa antes ca min”. 8  Entón Xesús díxolle: “Levántate! Colle a túa cama* e anda”. 9  E o home curou inmediatamente, colleu a súa cama e empezou a andar. Ese día era sábado. 10  Así que os xudeus* puxéronse a dicirlle ó home que fora curado: “Hoxe é sábado, non está permitido que cargues coa cama*”. 11  Pero el respondeulles: “O que me curou díxome: ‘Colle a túa cama e anda’”. 12  Eles preguntáronlle: “Quen é o home que che dixo que a colleses e que andases?”. 13  Pero el non sabía quen o curara, porque Xesús desaparecera entre a multitude que estaba alí. 14  Máis tarde, Xesús encontrouno no templo e díxolle: “Agora que curaches, non peques máis, para que non che pase algo peor”. 15  O home marchou e díxolles ós xudeus que fora Xesús quen o curara. 16  Por iso os xudeus perseguían a Xesús, porque facía estas cousas en sábado. 17  Pero el contestáballes: “Meu Pai aínda segue traballando, e eu tamén sigo traballando”. 18  Cando escoitaron iso, os xudeus estiveron aínda máis decididos a matalo, porque pensaban que non respectaba o sábado e que ademais se estaba facendo igual a Deus, porque dicía que Deus era o seu Pai. 19  Así que Xesús díxolles: “De verdade vos aseguro que o Fillo non pode facer nin unha soa cousa pola súa conta, só o que lle ve facer ó Pai. Porque todo o que fai o Pai, tamén o fai o Fillo da mesma maneira. 20  O Pai tenlle cariño* ó Fillo e ensínalle todo o que el fai. E ensinaralle cousas máis grandes ca estas para que quededes impresionados. 21  Porque igual que o Pai resucita* os mortos e lles dá vida, o Fillo tamén lle dá vida a quen el quere. 22  O Pai non xulga a ninguén, senón que lle encargou ó Fillo que xulgue a todos, 23  para que todos honren o Fillo igual que honran o Pai. Quen non honra o Fillo non honra o Pai, que foi quen o enviou. 24  De verdade vos aseguro que o que escoita as miñas palabras e cre en quen me enviou terá vida eterna e non será condenado*​, senón que pasou da morte á vida. 25  ”De verdade vos aseguro que se acerca a hora, de feito xa chegou, na que os mortos escoitarán a voz do Fillo de Deus, e os que fixeron caso vivirán. 26  Porque igual que o Pai ten vida en si mesmo*​, tamén lle concedeu ó Fillo ter vida en si mesmo. 27  E deulle autoridade para xulgar, porque el é o Fillo do Home. 28  Que non vos sorprenda isto, porque acércase a hora na que tódolos que están nas tumbas* escoitarán a súa voz 29  e sairán. Os que fixeron cousas boas recibirán unha resurrección de vida, e os que fixeron cousas malas recibirán unha resurrección de xuízo. 30  Eu non podo facer nin unha soa cousa pola miña conta. Xulgo de acordo co que di o Pai, e o meu xuízo é xusto porque non busco facer a miña vontade, senón a vontade do que me enviou. 31  ”Se só eu testificase ó meu favor, o meu testemuño non sería válido*​. 32  Pero hai outro* que testifica ó meu favor, e sei que o testemuño que el dá sobre min é válido*​. 33  Vós mandásteslle mensaxeiros a Xoán e el deu testemuño da verdade. 34  Non é que eu necesite o testemuño de ningún home, pero digo estas cousas para que vos poidades salvar. 35  Xoán era coma un candil que ardía e brillaba, e durante un pouco de tempo vós estivestes dispostos a alegrarvos moitísimo coa súa luz. 36  Pero o testemuño que eu dou é máis importante que o de Xoán, porque as cousas que me mandou facer meu Pai, que son as cousas que eu estou facendo, confirman que o Pai me enviou. 37  E o Pai, que foi quen me enviou, el mesmo é quen deu testemuño sobre min. Vós nunca escoitastes a súa voz nin vistes a súa cara, 38  e non tedes a súa palabra nos vosos corazóns porque non credes a quen el enviou. 39  ”Vós investigades as Escrituras porque credes que por medio delas teredes vida eterna, e son estas mesmas Escrituras as que dan testemuño sobre min. 40  Pero aínda así, non queredes seguirme* para ter vida. 41  Eu non quero que a xente me dea gloria, 42  pero vós non sodes así. Sei moi ben que non tedes amor a Deus no voso corazón. 43  Eu vin no nome do meu Pai e non crestes en min. Pero se viñese outro no seu propio nome, si que creriades nel. 44  Como me ides crer se vos andades dando gloria uns ós outros en vez de estar buscando a aprobación* do único Deus verdadeiro? 45  Non pensedes que vos vou acusar diante do Pai. Quen vos acusa é Moisés, en quen puxestes a vosa esperanza. 46  De feito, se crésedes a Moisés tamén me creriades a min, porque el escribiu sobre min. 47  Pero se non credes o que escribiu el, como ides crer o que digo eu?”.

Notas ó pé

Refírese probablemente á Pascua.
Este versículo non aparece en varios dos manuscritos gregos antigos importantes e parece ser que non forma parte das Escrituras inspiradas.
Ou “cama portátil”, “padiola”.
Parece que se refire ós líderes relixiosos xudeus.
Ou “cama portátil”, “padiola”.
Ou “ama”. Ver glosario amor.
Lit. “levanta”.
Ou “xulgado”.
Ou “o poder de dar vida”.
Ou “tumbas conmemorativas”. Ver glosario tumba conmemorativa.
Ou “verdadeiro”.
É dicir, Deus.
Ou “verdadeiro”.
Lit. “vir a min”.
Lit. “gloria”.