As boas noticias segundo Xoán 8:12-59
8 12 Entón Xesús volveu falar coa xente, e dixo: “Eu son a luz do mundo. Quen me siga nunca máis andará en escuridade, senón que terá a luz que dá vida”.
13 E os fariseos dixéronlle: “Estás testificando ó teu favor, así que o teu testemuño non é válido*”.
14 Xesús respondeulles: “Aínda que testifico ó meu favor, o meu testemuño é válido, porque sei de onde vin e a onde vou. Pero vós non sabedes nin de onde vin nin a onde vou.
15 Vós xulgades baseándovos en normas humanas*, pero eu non xulgo a ninguén.
16 E no caso de que xulgase, o meu xuízo sería xusto*, porque non estou só. O Pai, que me enviou, está comigo.
17 Ademais, na vosa propia Lei está escrito: ‘O testemuño de dúas persoas é válido*’.
18 Eu son o que testifica ó meu favor. E o Pai, que me enviou, tamén testifica ó meu favor”.
19 Entón preguntáronlle: “Onde está teu Pai?”. E Xesús contestoulles: “Vós non me coñecedes nin a min nin a meu Pai. Se me coñecésedes a min, tamén coñeceriades a meu Pai”.
20 Xesús dixo todo isto mentres estaba ensinando no templo, na zona onde estaban as arcas do tesouro. Pero como aínda non chegara a súa hora, ninguén o agarrou para arrestalo.
21 Entón, díxolles outra vez: “Eu marcho e vós buscarédesme, pero morreredes sendo pecadores. Para onde eu vou, vós non podedes ir”.
22 Os xudeus puxéronse a dicir: “Por que di ‘Para onde eu vou, vós non podedes ir’? Non se quererá matar, non?”.
23 Entón el seguiulles dicindo: “Vós sodes de aquí abaixo e eu son de alá arriba. Vós sodes deste mundo, pero eu non son deste mundo.
24 Por iso vos dixen ‘Morreredes sendo pecadores’, porque se non credes que son quen digo ser, morreredes sendo pecadores”.
25 Así que eles puxéronse a preguntarlle: “Pero entón, ti quen es?”. E Xesús respondeulles: “Falar con vós é perder o tempo.
26 Teño moito que dicir sobre vós e moito que xulgar. De feito, o que me enviou é fiel á verdade, e eu dígolle ó mundo as mesmas cousas que lle escoitei a el”.
27 Pero eles non se deron conta de que lles estaba falando do Pai.
28 Entón Xesús dixo: “Despois de que alcedes* o Fillo do Home, saberedes que son quen digo ser e que non fago nada pola miña conta, senón que digo o que me ensinou o Pai.
29 O que me enviou está comigo, non me deixou só, porque eu sempre fago o que a el lle agrada”.
30 Mentres Xesús dicía todo isto, moitos empezaron a ter fe nel.
31 Entón Xesús díxolles ós xudeus que creran nel: “Se seguides obedecendo o que eu ensino, realmente sodes os meus discípulos,
32 e coñeceredes a verdade e a verdade faravos libres”.
33 Os outros xudeus responderon: “Somos descendentes de Abrahán e nunca fomos escravos de ninguén. Por que dis que seremos libres?”.
34 Xesús contestoulles: “De verdade vos aseguro que todo o que peca é escravo do pecado.
35 Ademais, o escravo non queda na casa do amo para sempre, pero o fillo si que queda para sempre.
36 Así que se o fillo vos libera, seredes libres de verdade.
37 Eu sei que sodes descendentes de Abrahán, pero estades intentando matarme porque non aceptades o que vos digo.
38 Eu falo das cousas que vin cando estaba co meu Pai, pero vós facedes as cousas que lle escoitastes dicir ó voso pai”.
39 Eles respondéronlle: “O noso pai é Abrahán”. Entón Xesús díxolles: “Se fósedes fillos de Abrahán, fariades as mesmas cousas que fixo Abrahán.
40 Pero eu díxenvos a verdade que lle escoitei a Deus e querédesme matar. Abrahán nunca faría algo así.
41 Vós facedes as mesmas cousas que o voso pai”. E eles dixéronlle: “Nós non somos fillos ilexítimos*. Temos un só Pai: Deus”.
42 Xesús respondeulles: “Se Deus fose o voso Pai, quereriádesme, porque foi Deus quen me enviou e por iso estou aquí. Non vin pola miña conta, senón que el me enviou.
43 Sabedes por que non entendedes o que estou dicindo? Porque non sodes capaces de escoitar as miñas palabras.
44 Vós sodes fillos do voso pai, o Demo*, e queredes facer o que o voso pai desexa. El foi un asasino desde que empezou a ir polo seu propio camiño. Apartouse da verdade, porque a verdade non está dentro del. Cada vez que di unha mentira, demostra como é realmente, porque é un mentireiro e o pai da mentira.
45 Pero como eu vos digo a verdade, non me credes.
46 Quen de vós pode demostrar que son culpable dalgún pecado? Se digo a verdade, por que non me credes?
47 Quen é fillo de Deus escoita as palabras de Deus. Por iso vós non escoitades, porque non sodes fillos de Deus”.
48 Cando oíron isto, os xudeus dixéronlle: “Ves como temos razón ó dicir que ti es samaritano e que tes un demo dentro?”.
49 Xesús contestoulles: “Non teño demo ningún. Eu doulle honra a meu Pai e vós deshonrádesme a min.
50 Pero non estou buscando gloria para min mesmo. Hai alguén que a busca, e el é o que xulga.
51 De verdade vos aseguro que se alguén obedece o que eu ensino, non morrerá nunca”.
52 Os xudeus dixéronlle: “Agora si que temos claro que tes un demo dentro. Abrahán morreu e os profetas tamén, pero ti dis que se alguén obedece o que ti ensinas non vai morrer nunca.
53 Seica es ti máis que o noso pai Abrahán, que morreu? Os profetas tamén morreron. Ti quen te cres que es?”.
54 Xesús contestoulles: “Se me dese gloria a min mesmo, a miña gloria non valería para nada. Meu Pai, o que vós dicides que é o voso Deus, é quen me dá gloria.
55 Vós non o coñecedes, pero eu si que o coñezo. E se dixese que non o coñezo, sería un mentireiro coma vós. Pero si que o coñezo e obedezo as súas palabras.
56 O voso pai Abrahán alegrábase moitísimo pensando no día no que eu viría. El viuno na súa mente e alegrouse”.
57 Os xudeus contestáronlle: “Aínda non tes nin 50 anos, e dis que viches a Abrahán?”.
58 E el díxolles: “De verdade vos aseguro que eu xa existía antes de que Abrahán nacese”.
59 Entón colleron pedras para tirarllas a Xesús, pero el escondeuse e saíu do templo.
Notas ó pé
^ Ou “verdadeiro”.
^ Lit. “na carne”.
^ Ou “fiel á verdade”.
^ Ou “verdadeiro”.
^ É dicir, executedes nun madeiro.