As boas noticias segundo Lucas 1:1-80
1 Hai moitos que se dedicaron a recopilar un relato dos feitos (feitos que entre nós teñen toda a credibilidade)
2 tal como nolos transmitiron os que desde o principio foron testemuñas oculares destas cousas e proclamadores* da mensaxe.
3 Por iso, excelentísimo Teófilo, eu tamén investiguei todo con exactitude desde o principio e decidín escribircho en orde lóxica,
4 para que esteas completamente seguro de que as cousas que che ensinaron de palabra son certas.
5 Nos días de Herodes*, que era o rei de Xudea, había un sacerdote que se chamaba Zacarías, da división de Abías. A súa muller era descendente* de Aarón e chamábase Elísabet.
6 Os dous eran xustos ós ollos de Deus e obedecían de maneira irreprochable* tódolos mandamentos e requisitos legais de Xehová*.
7 Pero non tiñan fillos porque Elísabet era estéril e os dous xa eran maiores.
8 Resulta que Zacarías estaba servindo de sacerdote diante de Deus cando lle tocaba á súa división
9 e, segundo o costume* do sacerdocio, tocoulle entrar no santuario de Xehová* para ofrecer incenso.
10 Á hora na que se ofrecía o incenso, toda a multitude estaba fóra orando.
11 Entón aparecéuselle o anxo de Xehová*, de pé ó lado dereito do altar do incenso.
12 Cando Zacarías o viu, quedou desconcertado e tivo moito medo.
13 Pero o anxo díxolle: “Non teñas medo, Zacarías, porque Deus escoitou a túa súplica. A túa muller Elísabet darache un fillo, e tes que chamarlle Xoán.
14 Estarás moi contento, cheo de alegría, e moitos alegraranse polo seu nacemento,
15 porque el será grande ós ollos de Xehová*. Non debe beber viño nunca, nin ningunha outra bebida alcohólica. Estará cheo de espírito santo xa desde antes de nacer*.
16 E fará que moitos dos fillos de Israel se volvan a Xehová*, o seu Deus.
17 Ademais, irá diante del* co espírito e co poder* de Elías, para facer que o corazón dos pais se volva coma o dun fillo* e que os desobedientes actúen sabiamente coma os xustos, para ter listo un pobo preparado para servir a Xehová*”.
18 Entón Zacarías díxolle ó anxo: “Como sei que iso é verdade? Eu xa son vello e a miña muller tamén ten moitos anos”.
19 E o anxo respondeulle: “Eu son Gabriel, o que está de pé diante de Deus. El envioume para falar contigo e anunciarche estas boas noticias.
20 Pero, mira!* Como non criches as miñas palabras, que se cumprirán no seu tempo fixado, vas quedar mudo e non poderás falar ata o día que pasen todas estas cousas”.
21 Mentres, o pobo seguía esperando a Zacarías e estrañáballe que botase tanto tempo no santuario.
22 Cando saíu, non era capaz de falarlles, e déronse conta de que vira algo sobrenatural* no santuario. El facíalles xestos, pero seguía mudo.
23 Cando se cumpriron os días do seu servizo santo*, Zacarías marchou para a súa casa.
24 Uns días despois, a súa muller Elísabet quedou embarazada e estivo cinco meses sen saír da casa. Dicía:
25 “Isto é o que fixo Xehová* por min. Fixouse en min para que non pase máis vergonza diante da xente”.
26 Cando Elísabet levaba embarazada seis meses, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea chamada Nazaret
27 para que visitase unha moza virxe que se chamaba María. Ela estaba prometida cun home da casa de David que se chamaba Xosé.
28 Cando o anxo entrou, díxolle: “Saúdote a ti, que tes o favor de Deus de maneira especial. Xehová* está contigo”.
29 Pero ela quedou moi desconcertada con esas palabras e intentaba entender o que podería significar ese saúdo.
30 Así que o anxo díxolle: “Non teñas medo, María, porque tes o favor de Deus.
31 Mira! Vas quedar embarazada*, darás a luz un fillo e tes que chamarlle Xesús.
32 El será grande e será chamado Fillo do Altísimo. Xehová* Deus daralle o trono de David, o seu pai,
33 e el reinará sobre a casa de Xacob para sempre. O seu Reino non terá fin”.
34 Pero María preguntoulle ó anxo: “Como pode ser iso se non teño relacións sexuais con ningún home?”.
35 O anxo contestoulle: “Virá sobre ti espírito santo, e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra. Por iso o que vai nacer será chamado santo, Fillo de Deus.
36 Mira! Elísabet, que é da túa familia, está embarazada de seis meses e tamén vai ter un neno, aínda que é maior e a xente dicía que era estéril.
37 Porque nada do que Deus di é imposible*”.
38 Entón, María dixo: “Aquí está a escrava de Xehová*! Que me pase tal e como dixeches”. E o anxo deixouna e marchou.
39 Pouco tempo despois, María saíu e foi rapidamente á rexión das montañas, a unha cidade de Xudá.
40 Ó chegar, entrou na casa de Zacarías e saudou a Elísabet.
41 En canto Elísabet escoitou o saúdo de María, o neno que levaba dentro deu un salto. Entón Elísabet encheuse de espírito santo
42 e dixo con voz forte: “Bendita ti entre as mulleres! E bendito o froito da túa matriz!
43 Como pode ser que eu teña o honor de que me visite a nai do meu Señor?
44 Porque, en canto escoitei o teu saúdo, o neno que levo dentro saltou de alegría.
45 Feliz tamén a que creu, porque todo o que Xehová* lle dixo cumprirase por completo”.
46 E María dixo: “A miña alma* engrandece a Xehová*
47 e o meu espírito énchese de alegría grazas a Deus, o meu Salvador,
48 porque el fixouse na condición humilde da súa escrava. E mira! De aquí en diante, tódalas xeracións chamaranme feliz.
49 Porque o Poderoso fixo cousas marabillosas por min, e o seu nome é santo.
50 De xeración en xeración tenlles misericordia ós que o temen.
51 Fixo cousas poderosas co seu brazo e espallou os que teñen intencións arrogantes no seu corazón.
52 Botou dos seus tronos os homes poderosos e elevou os humildes.
53 Fixo que os famentos quedasen completamente satisfeitos dándolles cousas boas e botou os ricos fóra sen nada.
54 Veu axudar o seu servo, Israel, para mostrar que se acorda da súa promesa de mostrar misericordia para sempre
55 a Abrahán e á súa descendencia*, tal como lles dixo ós nosos antepasados”.
56 María quedou con Elísabet uns tres meses e despois volveu para a súa casa.
57 Entón a Elísabet chegoulle o tempo de dar a luz e tivo un neno.
58 Cando os seus veciños e os seus familiares souberon da gran compaixón* que lle mostrara Xehová*, alegráronse con ela.
59 Ós oito días, cando se ía circuncidar* o neno, viñeron os veciños e os familiares, e íanlle poñer o nome do seu pai: Zacarías.
60 Pero súa nai dixo: “Non! Vaise chamar Xoán”.
61 Eles respondéronlle: “Ninguén da túa familia se chama así”.
62 Entón fixéronlle xestos ó pai para preguntarlle como quería que se chamase o neno.
63 El pediu unha táboa pequena e escribiu: “O seu nome é Xoán”. E todos quedaron sorprendidos.
64 Nese momento, a súa boca abriuse e a súa lingua quedou libre, e empezou a falar louvando a Deus.
65 Tódolos veciños quedaron moi impresionados* e empezaron a falar destas cousas por toda a rexión das montañas de Xudea.
66 Tódolos que escoitaban falar diso quedaban pensando e dicían: “Que chegará a ser este neno?”. Porque estaba claro que a man de Xehová* estaba con el.
67 Entón Zacarías, o pai do neno, encheuse de espírito santo e púxose a profetizar:
68 “Que sexa louvado Xehová*, o Deus de Israel, porque se compadeceu do seu pobo e liberouno.
69 El levantou para nós un poderoso salvador* da casa do seu servo David
70 (tal e como dixera por medio dos seus santos profetas do pasado)
71 para salvarnos dos nosos inimigos e das mans de tódolos que nos odian,
72 para mostrarnos misericordia debido ós nosos antepasados e para acordarse do seu pacto santo,
73 o xuramento que lle fixo ó noso antepasado Abrahán.
74 De acordo con ese xuramento, despois de rescatarnos das mans dos inimigos, concederanos o privilexio de darlle servizo sagrado sen temor,
75 con lealdade e con xustiza diante del tódolos días da nosa vida.
76 E a ti, meu filliño, chamaranche profeta do Altísimo, porque irás diante de Xehová* para preparar os seus camiños,
77 para anunciarlle ó seu pobo a mensaxe de salvación por medio do perdón dos seus pecados,
78 debido á tenra compaixón do noso Deus. Por esa compaixón, a luz dun amencer virá onda nós desde o alto
79 para iluminar os que están sentados na escuridade e baixo a sombra da morte, e para guiar os nosos pés polo camiño da paz”.
80 O neno seguiu medrando e madurando*, e quedou no deserto ata o día no que se presentou abertamente diante de Israel.
Notas ó pé
^ Lit. “servos”.
^ Lit. “das fillas”.
^ Lit. “andaban dunha maneira irreprochable en”.
^ Ou “a práctica establecida”.
^ Ou “desde a matriz da súa nai”.
^ É dicir, de Deus.
^ Ou “co entusiasmo e a forza”.
^ Lit. “para volver o corazón de pais a fillos”.
^ Ou “que tivera unha visión”.
^ Ou “servizo público”.
^ Ou “Concibirás na túa matriz”.
^ Ou “Porque nada é imposible para Deus”.
^ Lit. “semente”.
^ Lit. “misericordia”.
^ Ou “enchéronse de temor”.
^ Lit. “e fíxose forte en espírito”.