As boas noticias segundo Lucas 12:1-59
-
O fermento dos fariseos (1-3)
-
Temer a Deus, non a xente (4-7)
-
Poñerse de parte de Cristo diante da xente (8-12)
-
A comparación do home rico que era insensato (13-21)
-
Deixar de angustiarse (22-34)
-
O rabaño pequeno (32)
-
-
Manterse vixiantes (35-40)
-
O administrador fiel e o administrador infiel (41-48)
-
“Vin a causar división” (49-53)
-
Hai que “recoñecer o que está pasando neste tempo” (54-56)
-
Como resolver conflitos (57-59)
12 Mentres, xuntouse unha multitude de miles de persoas, e eran tantos que se pisaban uns ós outros. Entón Xesús empezou a falar dirixíndose primeiro ós seus discípulos e díxolles: “Tede coidado co fermento* dos fariseos, que é a hipocrisía.
2 Porque non hai nada tan ben escondido que non se vaia descubrir nin nada secreto que non se vaia saber.
3 Así que todo o que digades na escuridade oirase a plena luz, e o que digades baixiño en cuartos privados anunciarase desde as azoteas.
4 Ademais, meus amigos, dígovos que non lles teñades medo ós que matan o corpo pero despois non poden facer nada máis.
5 Eu direivos a quen debedes temer. Temede* a quen despois de matar ten autoridade para botar na Guehena*. Si, dígovos que este é a quen debedes temer.
6 Verdade que se venden cinco gorrións por dúas moediñas de pouco valor*? Aínda así, Deus non se esquece de* ningún deles.
7 Pois no voso caso, incluso están contados tódolos pelos da vosa cabeza. Así que non teñades medo, vós valedes máis que moitos gorrións.
8 ”Dígovos que se alguén se pon da miña parte diante da xente, o Fillo do Home tamén se poñerá de parte del diante dos anxos de Deus.
9 Pero se alguén me rechaza diante da xente, será rechazado diante dos anxos de Deus.
10 E a todo aquel que diga algo contra o Fillo do Home perdoaráselle o seu pecado, pero a quen blasfeme* contra o espírito santo non se lle vai perdoar.
11 Cando vos leven diante de asembleas públicas*, funcionarios do goberno e autoridades, non vos angustiedes pensando en como vos ides defender nin no que ides dicir,
12 porque o espírito santo vaivos ensinar xusto nese momento o que debedes dicir”.
13 Entón, alguén que estaba entre a xente díxolle: “Mestre, dille ó meu irmán que comparta a herdanza comigo”.
14 Xesús contestoulle: “Pero home, quen me fixo xuíz ou árbitro entre vós os dous?”.
15 Entón díxolles: “Mantede os ollos ben abertos e evitade todo tipo de cobiza*, porque aínda que alguén teña moito, as cousas que ten non lle poden dar a vida”.
16 E púxolles esta comparación: “As terras dun home rico produciron moito.
17 Así que empezou a pensar: ‘Que vou facer agora que non teño onde gardar a miña colleita?’.
18 Entón dixo: ‘Xa sei o que vou facer: vou botar abaixo os meus almacéns e farei outros máis grandes, e alí gardarei todo o meu gran e todo o que teño.
19 E despois direime a min mesmo: “Tes moitas cousas boas gardadas para moitos anos. Vive tranquilo, come, bebe e pásao ben”’.
20 Pero Deus díxolle: ‘Insensato! Esta noite vas morrer*. E quen vai quedar coas cousas que gardaches?’.
21 Iso é o que lle pasa a quen acumula tesouros para si mesmo pero non é rico ós ollos de Deus”.
22 Entón díxolles ós seus discípulos: “Por iso vos digo que deixedes de angustiarvos pola vosa vida pensando no que ides comer, ou polo voso corpo pensando no que ides vestir.
23 Porque a vida vale máis que a comida, e o corpo que a roupa.
24 Fixádevos nos corvos. Nin sementan, nin segan, nin teñen almacéns, pero Deus dálles de comer. Non valedes vós moito máis que as aves?
25 Quen de vós, por angustiarse, pode facer que a súa vida dure unha hora* máis?
26 Así que, se nin sequera podedes facer algo tan pequeno, por que angustiarse polo resto das cousas?
27 Fixádevos en como medran as flores*. Nin traballan nin fan a súa roupa, pero eu dígovos que nin sequera o rei Salomón en toda a súa grandeza se vestiu tan ben coma unha delas.
28 Así que, se Deus viste así as plantas do campo, que hoxe están aquí e mañá se botan ó lume*, con moita máis razón vos vestirá a vós, xente de pouca fe!
29 Por iso, deixade de andar buscando que ides comer e que ides beber, e deixade de estar demasiado preocupados.
30 Porque os que van detrás destas cousas con moita ansia son as persoas que non coñecen a Deus*, pero o voso Pai xa sabe que necesitades estas cousas.
31 En vez diso, seguide buscando o Reino e recibiredes tódalas cousas que necesitades.
32 ”Non teñades medo, rabaño pequeno, porque o voso Pai quere darvos o Reino.
33 Vendede o que tedes e axudade ós necesitados*. Facédevos bolsiñas para os cartos que non se desgasten, é dicir, acumulade un tesouro nos ceos que non se acabe, onde ningún ladrón se acerca e os bichos non o botan a perder.
34 Porque onde estea o voso tesouro, aí tamén estará o voso corazón.
35 ”Estade vestidos e preparados*, tede os vosos candís* prendidos
36 e sede coma os homes que esperan a que o seu amo volva da voda para abrirlle en canto el veña e chame á porta.
37 Felices son os escravos que o amo encontre vixiando cando veña! Asegúrovos que o amo vaise vestir* para servir, fará que se senten* á mesa e acercarase para servirlles a comida.
38 Felices son os escravos se el vén antes da medianoite*, ou incluso despois da medianoite*, e os encontra preparados!
39 Tede en conta que se o dono da casa soubese a que hora vai vir o ladrón, non deixaría que lle entrase na casa.
40 Vós igual, estade sempre preparados, porque o Fillo do Home virá á hora que menos esperades”.
41 Entón Pedro preguntoulle: “Señor, esta comparación é só para nós ou é para todos?”.
42 E o Señor dixo: “Quen é en realidade o administrador fiel*, o prudente*, a quen o seu amo poñerá a cargo dos servos da casa para que lles siga dando o alimento que necesitan ó tempo debido?
43 Que feliz será ese escravo se o seu amo o encontra facendo iso cando veña!
44 Asegúrovos que o poñerá a cargo de tódolos seus bens.
45 Pero se ese escravo algunha vez pensa ‘O meu amo tarda en vir’ e empeza a pegarlles ós criados e ás criadas, e a comer, a beber e a emborracharse,
46 entón o amo dese escravo virá un día que el non espera e a unha hora que el non coñece e castigarao co peor dos castigos, e poñerao cos infieis.
47 O escravo que entendeu o que o seu amo quería pero non se preparou nin fixo o que el lle mandou* levará moitos paus.
48 Pero o que non entendeu o que o seu amo quería e por iso fixo cousas polas que merece levar paus levará poucos. De feito, a quen se lle deu moito pediráselle moito, e a quen se lle encargou moito pediráselle máis do normal.
49 ”Vin a prender un lume na terra. E que máis podo pedir se xa está prendido?
50 Pero hai un bautismo co que teño que ser bautizado, e estarei moi angustiado ata que se acabe!
51 Credes que vin a traer paz á terra? Dígovos que non. Vin a causar división.
52 Porque a partir de agora haberá división na familia. Se hai cinco membros nunha familia, tres estarán contra dous e dous contra tres.
53 Estarán divididos o pai contra o fillo e o fillo contra o pai, a nai contra a filla e a filla contra a nai, a sogra contra a nora e a nora contra a sogra”.
54 Despois tamén lles dixo ás multitudes: “Cando vedes que aparece unha nube polo oeste, enseguida dicides ‘Vén unha tormenta’, e así pasa.
55 E cando vedes que hai vento do sur, dicides ‘Vai vir moita calor’, e así pasa.
56 Hipócritas! Se sabedes interpretar o aspecto da terra e do ceo, como é que non sabedes recoñecer o que está pasando neste tempo en concreto?
57 Por que non xulgades por vós mesmos o que é xusto?
58 Por exemplo, se alguén que está en contra de ti te leva a xuízo diante dunha autoridade, esfórzate por chegar a un acordo mentres vaiades polo camiño, para que non te leve diante do xuíz, o xuíz te entregue ó garda do tribunal e o garda te meta na prisión.
59 Asegúroche que non sairás de alí ata que pagues a última moediña*”.
Notas ó pé
^ Ou “non pasa por alto”.
^ É dicir, desexo moi forte de ter máis.
^ Ou “os lirios”.
^ Ou “ó forno”.
^ Lit. “as nacións do mundo”.
^ Ou “facede dádivas de misericordia”.
^ Ou “Amarrade a roupa á cintura”.
^ Ou “lámpadas de aceite”.
^ Ou “vaise amarrar a roupa á cintura”.
^ Ou “se reclinen”.
^ Lit. “na segunda vixilia”, é dicir, máis ou menos entre as 9 e as 12 da noite.
^ Lit. “na terceira vixilia”, é dicir, máis ou menos entre as 12 da noite e as 3 da mañá.
^ Ou “sensato”, “sabio”.
^ Ou “nin actuou segundo a vontade do seu amo”.