CAPÍTULO 12
Xacob recibe a herdanza
Isaac tiña 40 anos cando casou con Rebeca. Queríaa moitísimo. Co tempo, tiveron dous fillos xemelgos.
O fillo máis vello chamábase Esaú, e o máis novo Xacob. A Esaú encantáballe andar por fóra e dábaselle ben cazar. Xacob, en cambio, prefería estar na casa.
Naqueles tempos, cando morría o pai, dábaselle a maior parte das terras e dos cartos ó fillo máis vello. Iso era a herdanza. Na familia de Isaac, tamén incluía formar parte das promesas que Xehová lle fixera a Abraham. A Esaú pouco lle importaban aquelas promesas, pero a Xacob si, e moito.
Un día, Esaú chegou moi canso despois de botar todo o día cazando. Xacob estaba facendo a comida e ulía moi ben. Entón Esaú díxolle: “Morro coa fame. Dáme un pouco dese guiso vermello!”. Xacob respondeulle: “Douche se primeiro me prometes que podo quedar coa túa herdanza”. Esaú díxolle: “Podes quedar con ela. A min non me interesa nadiña! Agora quero comer”. Cres que Esaú tomou unha boa decisión? Claro que non. Cambiou algo de moito valor por un simple prato de comida.
Cando Isaac xa ía moi maior, chegou o momento de bendicir o seu fillo máis vello. Pero Rebeca axudou a Xacob
a recibir a bendición aínda que era o fillo máis novo. Cando o soubo, Esaú enfadouse moito e decidiu matar a seu irmán. Como Isaac e Rebeca querían protexer a Xacob, dixéronlle: “Vai á casa do teu tío Labán e queda alí ata que Esaú acougue”. Xacob seguiu o consello de seus pais e fuxiu para salvar a vida.“¿De que lle serve ó home gaña-lo mundo enteiro, se perde a súa vida? E ¿que pode dar un home para recobra-la súa vida?” (Marcos 8:36, 37)