CAPÍTULO 8
Que é o Reino de Deus?
-
Que explica a Biblia sobre o Reino de Deus?
-
Que fará o Reino de Deus?
-
Cando conseguirá o Reino que se faga a vontade de Deus na Terra?
1. Que coñecida oración imos analizar?
MILLÓNS de persoas por todo o mundo coñecen a oración chamada o nosopai, e que Xesucristo deu como modelo. Os pensamentos incluídos nela merecen ser considerados polo miúdo. Analizar as tres primeiras peticións desta oración axudarache a aprender máis sobre o que ensina realmente a Biblia.
2. Cales foron tres das cousas que lles ensinou Xesús ós seus discípulos a pedir en oración?
2 Ó comezo da oración modelo, Xesús díxolle ós seus oíntes: “Vós, rezade así: Noso Pai que estás no ceo, santificado sexa o teu nome; veña o teu Reino, fágase a túa vontade así na terra coma no ceo” (Mateo 6:9-13). Que significan estas tres peticións?
3. Que necesitamos saber sobre o Reino de Deus?
3 Levamos aprendido moito sobre o nome de Deus, Xehová. Tamén falamos da Súa vontade, do que xa fixo e do que fará pola humanidade. Pero, a que se refería Xesús cando nos ensinou a orar “veña o teu Reino”? Que é o Reino de Deus? Cando este veña, como santificará, ou fará santo, o nome de Deus? E, como está relacionado este vindeiro Reino co cumprimento da vontade de Deus?
QUE É O REINO DE DEUS?
4. Que é o Reino de Deus, e quen é o seu Rei?
4 O Reino de Deus é un goberno establecido por Xehová cun rei que El mesmo escolleu. Quen é o Rei do Reino de Deus? Xesucristo. É mellor rei que tódolos gobernantes humanos, e por iso se lle chama “Señor de señores e Rei de reis” (Apocalipse 17:14). Ten o poder para facer moitas máis cousas boas que calquera goberno humano, incluso que o mellor deles.
5. Dende onde goberna o Reino de Deus, e sobre que o fará no futuro?
5 Dende onde gobernará o Reino de Deus? Recordas onde está o seu Rei, Xesús? Como xa vimos, foi cravado nun madeiro e máis tarde foi resucitado. Pouco despois, ascendeu ó ceo (Feitos 2:33). Polo tanto, aí é onde está o Reino de Deus, no ceo. Por iso, a Biblia chámalle “Reino celestial” (2a Timoteo 4:18). Pero aínda que o Reino de Deus está no ceo, gobernará sobre a Terra (le Apocalipse 11:15).
6, 7. Por que é Xesús un rei tan marabilloso?
6 Que fai de Xesús un rei tan marabilloso? Para empezar, non morrerá xamais. A diferenza dos gobernantes humanos, Xesús é inmortal (Hebreos 7:16). Por iso sabemos que tódalas cousas boas que fará serán duradeiras; e serán moitas e moi boas.
7 Analicemos unha profecía bíblica sobre Xesús: “Descansará sobre el o Espírito do Señor, espírito de sabedoría e discernimento, espírito de consello e fortaleza, espírito de ciencia e temor do Señor. Sentirá a súa compracencia no temor do Señor. Non xulgará conforme a aparencia dos seus ollos, nin sentenciará conforme as faladurías dos seus oídos. Xulgará ó pobre conforme a xustiza, e sentenciará con rectitude ós oprimidos da nación” (Isaías 11:2-4). Estas palabras mostran que Xesús é un rei que tratará con xustiza e compaixón os seres humanos. Non che gustaría ter un gobernante como este?
8. Quen gobernará con Xesús?
8 Examinemos outra ensinanza sobre o Reino de Deus: Xesús non vai gobernar só, haberá quen goberne con el. O apóstolo Paulo, por exemplo, díxolle a Timoteo: “Se padecemos con el, tamén reinaremos con el” (2a Timoteo 2:12). Deus seleccionou a Paulo, a Timoteo, e a outros servos fieis para gobernar con Xesús no Reino celestial. Cantos terán este privilexio?
9. Cantos gobernarán con Xesús, e cando comezou Deus a escollelos?
9 Como xa analizamos no capítulo 7, o apóstolo Xoán tivo a seguinte visión: “O Año [Xesucristo] estaba de pé no monte de Sión [a súa posición como rei no ceo] e con el cento corenta e catro mil, que tiñan escrito nas súas frontes o nome do Año e mailo nome do seu Pai”. Quen son estes 144.000? Xoán aclarouno da seguinte maneira: “Estes son os que acompañan o Año a onde el vaia. Estes foron mercados entre os homes, coma ofrenda de primicias para Deus e para o Año” (Apocalipse 14:1, 4). Así é, son seguidores fieis de Xesucristo especialmente elixidos para gobernar no ceo con el. Tras ser resucitados á vida no ceo, gobernarán con Xesús como reis sobre a Terra (Apocalipse 20:4, 6). Dende os días dos apóstolos, Deus foi seleccionando a cristiáns fieis ata chegar á cantidade de 144.000.
10. Por que é unha mostra do amor de Xehová que Xesús e os 144.000 gobernen a humanidade?
10 Este goberno formado por Xesús e os 144.000 é unha grande mostra do amor de Xehová. Por que? Para empezar, Xesús foi humano e sabe o que é sufrir como tal. De feito, Pablo dixo de Xesús que podía compadecerse das nosas debilidades porque superara tódalas probas ás que fora sometido, e sen pecar (Hebreos 4:15; 5:8). Os que gobernarán con el tamén aguantaron os sufrimentos propios dos seres humanos. Ademais, loitaron coa imperfección e padeceron todo tipo de enfermidades. De seguro entenderán os problemas que afrontamos.
QUE FARÁ O REINO DE DEUS?
11. Por que lles ensinou Xesús ós seus discípulos a orar para que a vontade de Deus se fixese no ceo?
11 Cando Xesús lles ensinou ós seus discípulos que debían orar para que o Reino de Deus viñese, tamén lles indicou que orasen para que se fixese a vontade de Deus “así na terra coma no ceo”. O certo é que nos ceos, onde está Deus, sempre houbo anxos fieis cumprindo a Súa vontade. Pero, como aprendemos no capítulo 3, un anxo malvado deixou de facer a vontade de Deus e incitou a Adam e Eva a pecar. No capítulo 10 aprenderemos máis do que ensina a Biblia respecto a este anxo malvado, coñecido como Satán. Xehová permitiu que Satán e os seus demos, aqueles anxos que decidiron seguilo, quedasen no ceo durante algún tempo. Polo tanto, nese intervalo de tempo, non tódolos que estaban no ceo facían a vontade de Deus. A escena cambiou radicalmente cando o Reino de Deus comezou a rexer. Xesús, que acababa de ser entronizado, entrou en guerra con Satán (le Apocalipse 12:7-9).
12. Que dous importantes sucesos se describen en Apocalipse 12:10?
12 A seguinte profecía describe o que ía acontecer: “E oín un gran berro no ceo, que dicía: ‘Arestora chegou a victoria, o poder, e o reino do noso Deus, así coma a soberanía do seu Mesías. Porque expulsaron o acusador dos nosos irmáns, o que os acusaba diante do noso Deus, día e noite’” (Apocalipse 12:10). Fixácheste nos dous importantes sucesos dos que se fala neste versículo? Primeiro, que o Reino de Deus comeza a gobernar baixo o mando de Xesucristo. E segundo, que se bota a Satán do ceo á Terra.
13. Cal foi o resultado de que se botase a Satán do ceo?
13 Como veremos máis adiante, estes dous sucesos xa ocorreron. Cales foron os resultados? Respecto ó que aconteceu no ceo, lemos: “Por iso ¡alegrádevos, ceos, e os que vivides neles!” (Apocalipse 12:12). No ceo, os anxos fieis alegráronse moito de que Satán e os seus demos marchasen. A partir de entón, tódolos que viven no ceo son fieis a Xehová, e hai paz e harmonía absolutas. De modo que no ceo xa se está a facer a vontade de Deus.
14. Que consecuencias tivo que Satán fose botado do ceo á Terra?
14 E que ocorre coa Terra? A Biblia indica: “¡Pobre terra e pobre mar! Porque baixou Satán onda vós. Baixou adoecido porque sabe que ten pouco tempo” (Apocalipse 12:12). Satán está moi enfadado porque o botaron do ceo e porque lle queda pouco tempo. Sente tanta ira que está a aflixir a toda a Terra. Aprenderemos máis dos sufrimentos que está a causar no seguinte capítulo. Pensando nisto, poderiamos preguntarnos: “Como conseguirá o Reino que a vontade de Deus tamén se faga na Terra?”.
15. Cal é a vontade de Deus para a Terra?
15 No capítulo 3 aprendiches cal é a vontade de Deus para a Terra, lémbraste? Deus amosou en Edén que o seu propósito é converter a Terra nun paraíso, e que sexa habitada por humanos xustos que nunca morran. Satán conseguiu que Adam e Eva pecasen; isto afectou ó cumprimento do propósito de Deus para a Terra, pero non o cambiou. Xehová aínda quere que se cumpran as seguintes palabras: “Os xustos herdarán a terra e habitarán nela para sempre” (Salmo 37:29). O Reino de Deus fará realidade esta promesa. De que xeito?
16, 17. Que explica Daniel 2:44 acerca do Reino de Deus?
16 Examinemos a profecía que atopamos en Daniel 2:44: “No tempo deses reis, o Deus do ceo suscitará un reino que endexamais non será derrubado nin cederá o poder a outro pobo; máis aínda: destruirá e acabará con todos estes reinos, e el subsistirá para sempre”. Que nos ensina esta pasaxe sobre o Reino de Deus?
17 En primeiro lugar, afirma que o Reino de Deus se establecería “no tempo deses reis”, é dicir, mentres outros reinos existisen. En segundo lugar, explica que o Reino vai durar para sempre, así que ningún outro goberno o vai conquistar ou substituír. En terceiro lugar, indica que haberá unha guerra entre o Reino de Deus e os reinos do mundo. O Reino de Deus vencerá, e a partir de entón será o único goberno que exista na Terra. Os humanos desfrutarán do mellor goberno que xamais coñeceron.
18. Como se chama a guerra entre o Reino de Deus e os gobernos deste mundo?
18 A Biblia prové moita información sobre a guerra final entre o Reino de Deus e os gobernos deste mundo. Por exemplo, ensínanos que, segundo se acerque esta guerra, haberá espíritos malvados que espallarán mentiras para enganar os “reis de toda a terra”. Para que? “Para xuntalos [os reis] para a guerra do día grande do Deus que todo o sostén”. Os reis de toda a Terra hanse reunir “no lugar que en hebreo se chama Harmaguedón” (Apocalipse 16:14, 16). Segundo estes versículos, a guerra final entre os gobernos humanos e o Reino de Deus chámase Harmaguedón.
19, 20. Que impide que se estea a facer agora a vontade de Deus na Terra?
19 Que conseguirá o Reino de Deus mediante a guerra do Harmaguedón? Pensa de novo en cal é a vontade de Deus para a Terra. Xehová propúxose que unha sociedade humana perfecta e xusta lle servise no Paraíso. Que impide que vivamos agora nesas condicións? Un obstáculo é que somos pecadores, enfermamos e morremos. Non obstante, Xesús morreu por nós para que poidamos vivir para sempre, como xa aprendemos no capítulo 5. Probablemente recordas as seguintes palabras do Evanxeo de Xoán: “Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna” (Xoán 3:16).
20 Outro problema é que hai moita xente que fai o mal. Menten, enganan e son inmorais. Demostran que non queren facer a vontade de Deus. Os que practican o que está mal serán destruídos na guerra divina de Harmaguedón (le Salmo 37:10). Unha razón máis pola que aínda non se leva a cabo a vontade de Deus na Terra é que os gobernos non animan á xente a facela. Moitos deles son débiles, crueis ou corruptos. A Biblia di claramente: “Un home domina sobre outro para mal” (Eclesiastés 8:9).
21. Como conseguirá o Reino que se faga a vontade de Deus na Terra?
21 Tralo Harmaguedón, haberá un só goberno sobre a humanidade, o Reino de Deus. Este Reino levará a cabo a vontade de Deus e traerá marabillosas bendicións. Por exemplo, botará nun abismo a Satán e os seus demos por mil anos (Apocalipse 20:1-3). Aplicarase o poder do sacrificio de Xesús e ningunha persoa fiel volverá enfermar e morrer. De feito, baixo o Reino de Deus, poderán vivir para sempre (le Apocalipse 22:1-3). A Terra converterase nun fermoso paraíso. Deste xeito, o Reino conseguirá que se santifique o nome de Deus. Que quere dicir isto? Que chegará o momento en que, baixo o Reino de Deus, tódalas persoas honrarán o nome de Xehová.
CANDO ACTUARÁ O REINO DE DEUS?
22. Por que sabemos que o Reino de Deus non veu cando Xesús estaba na Terra ou xusto despois de resucitar?
22 Cando Xesús lles ensinou ós seus seguidores a orar “veña o teu Reino”, estaba claro que este Reino aínda non viñera. Veu cando Xesús ascendeu ó ceo? Sabemos que non, porque tanto Paulo coma Pedro aclararon que, trala resurrección de Xesús, cumpriuse nel a profecía do Salmo 110:1. Alí afírmase que Xehová lle dixo a Xesús: “Senta á miña dereita mentres poño os teus inimigos por estrado dos teus pés” (Feitos 2:32-35; Hebreos 10:12, 13). Así que habería un período de espera.
Baixo o Reino, farase a vontade de Deus na Terra como xa se fai no ceo
23. a) Cando comezou a gobernar o Reino de Deus? b) Que se analizará no próximo capítulo?
23 Canto tempo habería que agardar? Nos séculos XIX e XX, algúns estudantes sinceros da Biblia foron comprendendo que este período de tempo remataría en 1914. (Se desexas máis información sobre esta data, podes consultar o apéndice titulado “O ano 1914: clave nas profecías bíblicas”.) Os sucesos que aconteceron no mundo en 1914 confirman o que estes estudantes da Biblia entenderan. O cumprimento da profecía bíblica mostra que en 1914 Cristo chegou a ser Rei, e que o Reino celestial de Deus comezou a gobernar. Polo tanto, agora estamos vivindo no “pouco tempo” que lle queda a Satán (Apocalipse 12:12; Salmo 110:2). Tamén podemos afirmar con certeza que o Reino pronto actuará para que na Terra se faga a vontade de Deus. Non pensas que esta é unha boa noticia? Cres que será así? No próximo capítulo veremos que a Biblia realmente ensina estas verdades.