Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 1

“Ide e facede discípulos”

“Ide e facede discípulos”

Información sobre Feitos dos Apóstolos e como se relaciona este libro cos nosos días.

1-6. Explica como predican algúns irmáns arredor do mundo.

 REBECCA, unha testemuña de Xehová de Ghana, consideraba a súa escola coma o seu territorio persoal. Sempre levaba publicacións baseadas na Biblia na súa mochila. Durante o recreo buscaba oportunidades para predicarlles ós seus compañeiros. Grazas a iso, puido empezar varios cursos bíblicos con algúns deles.

2 Na illa de Madagascar, cerca da costa leste de África, dous pioneiros dirixían varios cursos bíblicos nunha aldea apartada. Para chegar tiñan que camiñar uns 25 quilómetros baixo a calor tropical.

3 Irmáns de Paraguai, xunto con voluntarios doutros 15 países, construíron un barco para predicarlles ás persoas que viven ó longo dos ríos Paraguai e Paraná. Neste barco de 45 toneladas poden vivir ata 12 persoas. Grazas a iso, os irmáns poden predicar as boas noticias en zonas que doutra forma serían inaccesibles.

4 No norte de Alasca, as testemuñas de Xehová aproveitan a oportunidade de predicarlles ós turistas que visitan a zona na temporada do verán. Durante a época máis cálida, moitos turistas de diferentes países fan cruceiros pola costa de Alasca. As testemuñas de Xehová organizan a predicación pública no porto e poñen os carriños con publicacións en moitos idiomas cerca dos barcos. Nesta mesma zona, os publicadores necesitan viaxar en avión para poder predicarlles ás persoas das etnias aleutiana, atapascana, tsimshian e tlingit que viven en zonas illadas.

5 Larry, un irmán de Texas, tiña un territorio moi especial: a residencia de anciáns onde vivía. Aínda que estaba nunha cadeira de rodas por culpa dun accidente, mantíñase moi ocupado. Faláballes a outros da mensaxe da Biblia e da esperanza que tiña de volver andar cando o Reino de Deus goberne sobre a Terra (Is. 35:5, 6).

6 Para asistir a un congreso no norte de Myanmar, un grupo de testemuñas tivo que facer unha viaxe de tres días en barco dende Mandalay. Como estaban desexando predicar, levaban publicacións bíblicas para ofrecérllelas ós demais pasaxeiros. Cada vez que o barco paraba nunha vila ou nunha aldea, os irmáns baixaban rapidamente para deixarlles publicacións ás persoas da zona. Mentres tanto subían novos pasaxeiros ó barco e cando os irmáns regresaban tiñan un territorio novo para predicar.

7. Que métodos de predicación usan as testemuñas de Xehová, e cal é o seu obxectivo?

7 Igual que os irmáns e irmás destes exemplos, en todo o mundo hai adoradores de Xehová que predican con entusiasmo e dan “un testemuño completo do Reino de Deus” (Feit. 28:23). Predican de casa en casa, polas rúas, por carta e por teléfono. Ademais, aproveitan calquera oportunidade para falarlles a outros do Reino de Deus, como por exemplo, cando van no bus, pasean polo parque ou teñen un descanso no traballo. Aínda que os métodos poden variar, o obxectivo é o mesmo: predicarlles ás persoas estean onde estean (Mat. 10:11).

8, 9. a) Por que é un milagre o que estamos conseguindo as testemuñas de Xehová? b) Que pregunta poderiamos facernos, e por que necesitamos coñecer a resposta?

8 Es ti un dos millóns de proclamadores do Reino que están predicando en máis de 235 países e territorios? Se é así, podes estar moi contento porque estás poñendo da túa parte para que as boas noticias cheguen a persoas de todo o mundo. O que conseguiu o pobo de Deus é todo un milagre! A pesar dos enormes obstáculos e desafíos, que inclúen prohibicións e persecucións por parte dalgúns gobernos, as testemuñas de Xehová estamos predicando o Reino de Deus a persoas de tódalas nacións.

9 Pensa nisto: por que non puideron eses obstáculos e nin sequera a oposición de Satanás parar a obra de predicar? Para responder esa pregunta temos que retroceder ata o primeiro século. Despois de todo, as testemuñas de Xehová da actualidade estamos facendo a obra que se empezou naquel tempo.

Unha obra moi importante

10. Cal era a obra máis importante para Xesús, pero de que era consciente?

10 Xesucristo, o fundador da congregación cristiá, fixo da predicación das boas noticias a actividade máis importante da súa vida. Unha vez dixo: “Tamén cómpre que anuncie o Reino de Deus noutras vilas, que para isto me mandaron” (Luc. 4:43). Xesús sabía que estaba empezando unha obra que non podería completar el só. De feito, pouco antes de morrer dixo que a mensaxe do Reino se predicaría “a tódalas nacións” (Mar. 13:10). Como se conseguiría levar a cabo unha obra tan grande, e quen o faría?

“Ide e facede discípulos de xente de tódalas nacións.” (Mateo 28:19)

11. Que importante comisión lles encargou Xesús ós seus discípulos, e que axudas terían para levala a cabo?

11 Despois da súa morte e resurrección, Xesús aparecéuselles ós seus discípulos e encargoulles esta importante comisión: “Así que ide e facede discípulos de xente de tódalas nacións. Bautizádeos no nome do Pai, do Fillo e do espírito santo. Ensinádelles a obedecer todo o que eu vos mandei. E recordade: Estarei con vós tódolos días ata a parte final do sistema” (Mat. 28:19, 20). As palabras “estarei con vós” mostran que Xesús axudaría ós seus discípulos na obra de predicar e ensinar. Necesitaban o seu apoio porque Xesús xa predixera que os odiarían “tódalas nacións” (Mat. 24:9). Ademais, xusto antes de subir ó ceo, tamén lles prometeu que contarían cunha axuda adicional. O espírito santo daríalles as forzas necesarias para ser as súas testemuñas “ata a parte máis distante da terra” (Feit. 1:8).

12. Que preguntas xorden, e por que é tan importante que coñezamos as respostas?

12 Tomaron en serio os apóstolos e os demais discípulos do primeiro século a comisión que Xesús lles encargara? Puido este pequeno grupo de homes e mulleres cristiáns dar testemuño completo do Reino de Deus incluso cando se enfrontaron a violenta persecución? Realmente tiveron o apoio do espírito santo de Xehová para levar a cabo a obra de facer discípulos? Veremos a resposta a estas e moitas outras preguntas no libro de Feitos. Por que é tan importante que coñezamos as respostas? Porque Xesús prometeu que a obra de predicar continuaría “ata a parte final do sistema”. Así que tódolos cristiáns verdadeiros, incluídos os que estamos vivindo no tempo do fin, temos que obedecer o mandamento de Xesús de predicar. Por iso temos tantas ganas de estudar a información que contén o libro de Feitos.

Información sobre o libro de Feitos

13, 14. a) Quen escribiu o libro de Feitos, e de onde conseguiu a información? b) Que información contén o libro de Feitos?

13 Quen escribiu o libro de Feitos? Este libro non identifica o seu escritor, pero as palabras de apertura deixan claro que foi o mesmo que escribiu o Evanxeo de Lucas (Luc. 1:1-4; Feit. 1:1, 2). Por iso, dende hai moito tempo acéptase que Lucas foi o seu escritor. Este discípulo era un médico moi querido e tamén un historiador coidadoso (Col. 4:14). Este libro abarca un período duns 28 anos, dende que Xesús ascendeu ó ceo no ano 33, ata o ano 61, cando o apóstolo Paulo estaba preso en Roma. O feito de que Lucas se inclúa a si mesmo nalgúns relatos fainos pensar que estivo presente en moitos dos acontecementos que describe (Feit. 16:8-10; 20:5; 27:1). Como bo investigador que era, Lucas non dubidou en falar con Paulo, Bernabé, Felipe e outros para conseguir información de primeira man antes de escribir o libro de Feitos.

14 Que información contén o libro de Feitos? No Evanxeo que leva o seu nome, Lucas escribiu sobre as cousas que dixo e fixo Xesús. En Feitos, en cambio, explica o que dixeron e fixeron os discípulos de Xesús. Este libro fala da extraordinaria obra que conseguiron levar a cabo persoas que moitos consideraban “comúns e sen estudos” (Feit. 4:13). En resumo, este relato inspirado cóntanos como se fundou a congregación cristiá e como foi crecendo. O libro de Feitos mostra como predicaban os discípulos do primeiro século, os seus métodos e a súa actitude (Feit. 4:31; 5:42). Destaca o papel do espírito santo na difusión das boas noticias (Feit. 8:29, 39, 40; 13:1-3; 16:6; 18:24, 25). Ademais, destaca o tema principal da Biblia: a santificación do nome de Deus mediante o seu Reino que está nas mans de Cristo. Tamén explica como os discípulos foron capaces de predicar as boas noticias do Reino a pesar da oposición que sufriron (Feit. 8:12; 19:8; 28:30, 31).

15. Como nos vai axudar estudar o libro de Feitos?

15 Está claro que examinar o libro de Feitos vai ser moi emocionante e vai fortalecer a nosa fe. Se reflexionamos no valor e no entusiasmo que demostraron os primeiros cristiáns, sentirémonos motivados a imitar o seu exemplo de fe. Desta forma estaremos máis preparados para cumprir coa comisión de ir e facer discípulos. Esta publicación está deseñada para axudarche a estudar a fondo o libro de Feitos.

Unha publicación que nos axuda a estudar a Biblia

16. Que tres obxectivos ten esta publicación?

16 Esta publicación ten tres obxectivos: 1) fortalecer a nosa confianza en que Xehová usa o seu espírito santo para apoiar o Reino e a obra de facer discípulos, 2) motivarnos a predicar analizando o exemplo dos discípulos de Cristo do primeiro século e 3) afondar o noso respecto pola organización de Xehová e por aqueles que se encargan de organizar a predicación e de coidar e dirixir as congregacións.

17, 18. Como está organizada esta publicación, e que outras características che van ser útiles no teu estudo persoal da Biblia?

17 Como está organizada esta publicación? Divídese en oito seccións e cada unha delas abarca unha porción do libro de Feitos. O obxectivo dos capítulos non é analizar versículo por versículo Feitos, senón aprender leccións dos relatos que aparecen nel e axudarnos a ver como poñelos en práctica. Ó principio de cada capítulo hai un encabezado que explica a idea principal e a porción de Feitos que se vai analizar.

18 Hai outras características desta publicación que che van ser moi útiles no teu estudo persoal da Biblia. Contén ilustracións moi bonitas que che axudarán a visualizar os emocionantes relatos que aparecen no libro de Feitos. Moitos capítulos inclúen recadros que aportan información adicional. Algúns conteñen información sobre a vida de personaxes que foron un exemplo de fe para nós. Outros aportan detalles sobre sitios, acontecementos, costumes e outros personaxes mencionados en Feitos.

Predica o territorio que tes asignado con sentido de urxencia.

19. Que autoexame deberiamos facernos de vez en cando?

19 Esta publicación pode axudarche a facerte un autoexame honesto. Sen importar canto tempo leves servindo como publicador, é bo que de vez en cando pares e dediques tempo a analizar as túas prioridades na vida e a túa forma de ver a predicación (2 Cor. 13:5). Pregúntate: “É a predicación tan importante para min agora como cando me bauticei? (1 Cor. 7:29-31) Estou predicando as boas noticias con entusiasmo e convicción? (1 Tes. 1:5, 6) Participo todo o que me permiten as circunstancias na obra de predicar e facer discípulos?” (Col. 3:23).

20, 21. Cal é o noso labor máis importante, e a que deberiamos estar decididos?

20 Non esquezamos nunca cal é o noso labor máis importante: predicar e facer discípulos. Pronto este sistema chegará á súa fin. Nunca antes houbo tantas vidas en xogo. Non sabemos cantas persoas de bo corazón responderán á mensaxe (Feit. 13:48). Pero é a nosa responsabilidade axudarlles antes de que sexa demasiado tarde (1 Tim. 4:16).

21 Por iso é tan importante que imitemos o entusiasmo co que predicaron os discípulos do primeiro século. Estudar con atención esta publicación vaite motivar a dar o máximo na predicación e a facelo con valor. Ademais, fará que esteas máis decidido que nunca a dar “un testemuño completo do Reino de Deus” (Feit. 28:23).