Ir ó contido

Ir ó índice

Os pais poden ensinarlles ós seus fillos a amar poñéndolles un bo exemplo

UN PASO NA DIRECCIÓN CORRECTA

A mellor educación posible

A mellor educación posible

Durante unha excursión escolar, acusouse a uns adolescentes de agredir sexualmente un compañeiro. Todos eles eran alumnos dun prestixioso colexio privado do Canadá. Despois deste incidente, Leonard Stern escribiu o seguinte no periódico Ottawa Citizen: “Tódalas vantaxes de ser intelixentes, ter unha boa educación e ser ricos non impiden que os rapaces fagan cousas malas”.

Este señor tamén afirmou: “O normal sería que o obxectivo máis importante para un pai fose ensinarlles ós seus fillos o que está ben e o que está mal. Pero a realidade é que moitos deles parecen estar máis preocupados por que ós seus rapaces lles vaia ben nos estudos e consigan un traballo no que ganen moitos cartos”.

Sen dúbida os estudos son importantes. Pero nin sequera a mellor educación escolar pode axudar a eliminar por completo os malos desexos e inclinacións. Entón, onde podemos atopar unha guía moral que de verdade nos axude a ser mellores persoas?

UNHA EDUCACIÓN QUE NOS AXUDA A SER MELLORES PERSOAS

A Biblia é coma un espello. Cando nos miramos nel podemos ver con máis claridade as nosas limitacións e debilidades (Santiago 1:23-25). Pero, logra aínda máis. Axúdanos a facer os cambios necesarios e conseguir cualidades que promoven verdadeira paz e unidade, como por exemplo a bondade, a amabilidade, a paciencia, o autocontrol e o amor. Do amor dise que “é o lazo que todo o une” (Colosenses 3:14). Por que é tan especial esta cualidade? Vexamos o que di a Biblia.

  • “O amor é de corazón grande, é servicial. O amor non ten envexa, non ten fachenda, non se ensoberbece; non é malcriado, non busca a súa comenencia, non se alporiza, non garda malicia; non simpatiza coa inxustiza, senón que se alegra coa verdade. Desculpa sempre, [...] atura sempre. O amor non pasa endexamais” (1 Corintios 13:4-8).

  • “Quen ama o seu próximo non lle fai mal” (Romanos 13:10).

  • “Antes que nada, esforzádevos no amor duns ós outros, porque o amor tapa moitos pecados” (1 Pedro 4:8).

Como te sentes cando estás con persoas que te queren? Verdade que podes estar relaxado e sentirte seguro? Claro que si! Sabes que desexan o mellor para ti e que nunca che farían dano intencionadamente.

O amor tamén pode motivar alguén a facer sacrificios, ou incluso a cambiar a súa vida, para que outros se beneficien. Por exemplo, un home ó que chamaremos George tivo un neto e, como é lóxico, estaba desexando pasar tempo con el. Pero tiña un problema. Este home fumaba moito e o seu xenro non quería que o fixese cerca do neno. Entón, que fixo George? Aínda que había máis de 50 anos que empezara a fumar, deixou este vicio para non facerlle dano ó seu neto. Canto poder ten o amor!

A Biblia axúdanos a conseguir moitas boas cualidades como a bondade, a amabilidade e, sobre todo, o amor.

O amor é unha cualidade que se pode aprender. Os pais teñen un papel moi importante en ensinarlles ós seus fillos a amar. Aliméntanos, protéxenos e axúdanlles cando se fan dano ou enferman. Os bos pais tamén falan cos seus fillos e edúcanos. Ademais disciplínanos, o que inclúe ensinarlles bos principios sobre o que está ben e o que está mal. Pero iso non é todo, tamén se esforzan por ensinarlles co exemplo.

Por desgraza, algúns pais non cumpren coas súas responsabilidades. Pero, significa isto que os seus fillos están condenados a fracasar? Para nada! Incluso moitos adultos que se criaron en familias desestruturadas fixeron cambios impresionantes nas súas vidas e chegaron a ser cariñosos e responsables. Como veremos no seguinte artigo, ata persoas que os demais consideraban un caso perdido foron capaces de cambiar.