Ir ó contido

Ir ó índice

UN MUNDO EN CRISE

4 | Mantén a esperanza

4 | Mantén a esperanza

POR QUE É IMPORTANTE?

A ansiedade polos problemas do mundo pode afectarlles ás persoas física e emocionalmente. Por culpa diso moitos perderon a esperanza e non pensan que haxa luz ó final do túnel. Como se comportan?

  • Deixan de pensar no futuro.

  • Calman as penas con alcohol e drogas.

  • Hai quen incluso se pregunta “Para que seguir loitando?” e pensa que é mellor morrer.

O que deberías saber

  • Algúns dos problemas ós que te enfrontas quizais sexan temporais e poden cambiar para mellor en calquera momento.

  • Incluso se a túa situación non cambia, hai cousas que podes facer para soportala.

  • A Biblia promete unha solución permanente para os problemas da humanidade.

O que podes facer xa agora

O que di a Biblia: “Así que non vos angustiedes polo día seguinte, porque o día seguinte terá as súas propias preocupacións. Xa chega cos problemas que hai cada día” (Mateo 6:34).

Vai día a día. Non deixes que as preocupacións de mañá che impidan facerte cargo das responsabilidades que tes hoxe.

Preocuparte polas cousas negativas que poderían pasar só che fará sentir máis estrés e debilitará a túa esperanza dun futuro mellor.

A Biblia dános verdadeira esperanza

Hai moitos anos, un salmista díxolle a Deus en oración: “A túa palabra é o faro [ou lámpada] dos meus pés” (Salmo 119:105). Analiza como a Biblia, a Palabra de Deus, é coma unha lámpada.

Nunha noite escura, unha lámpada permítenos ver por onde camiñar. De maneira parecida, a Biblia contén consellos prácticos que nos poden guiar cando teñamos que tomar unha decisión difícil.

Unha lámpada pode iluminar o noso camiño e permitirnos ver que hai máis adiante. Do mesmo xeito, a Biblia pode mostrarnos o que nos espera no futuro.