PODERÁ SOBREVIVIR O NOSO PLANETA?
A auga doce
A VIDA na Terra sería imposible sen auga, en especial sen auga doce. De feito, a auga é o compoñente principal de tódolos seres vivos. Os lagos, ríos, pantanos e acuíferos subterráneos subministran auga doce, tanto para o consumo humano e animal como para o regado de cultivos.
Que ameaza á auga doce
A maior parte do noso planeta está cuberta de auga. Pero, segundo afirma a Organización Meteorolóxica Mundial, “só o 0,5% da auga da Terra é auga doce dispoñible e aproveitable”. Aínda que esta cantidade relativamente pequena debería ser suficiente para a vida no noso planeta, unha gran parte estase contaminando. Ademais, tamén se está volvendo inaccesible como resultado da crecente demanda e do cambio climático. Algúns expertos din que, nuns 30 anos, cinco mil millóns de persoas se enfrontaran á escaseza de auga doce.
Un planeta deseñado para sobrevivir
A Terra está deseñada de maneira que os seus procesos naturais se encarguen de que sempre haxa auga suficiente. Ademais, o solo, a vida acuática e incluso a luz solar traballan en equipo para que a auga se manteña limpa. Analicemos algunhas probas que demostran que o noso planeta está deseñado para sobrevivir:
-
Está demostrado que o solo ten a capacidade de eliminar moitas das impurezas que contaminan a auga. Tamén se descubriu que nos pantanos hai certas plantas que poden eliminar nitróxeno, fósforo e pesticidas.
-
Algúns científicos descubriron procesos físicos e biolóxicos que limpan a auga contaminada de forma natural. As correntes de auga dilúen as substancias prexudiciais e os microorganismos, descompóñenas.
-
As ameixas de auga doce e os mexillóns poden extraer da auga, en cuestión de días, algúns químicos potencialmente nocivos e incluso facelo de forma máis efectiva que as estacións de tratamento de augas.
-
O ciclo da auga é o sistema que utiliza o noso planeta para almacenar este recurso tan valioso. Este ciclo, xunto con outros procesos naturais, fai posible que a auga se manteña na atmosfera e non desapareza.
Que se está facendo para intentar solucionar o problema
Os expertos aconsellan que se gaste a menor cantidade de auga posible. E, para reducir a súa contaminación, recomendan que se reparen as fugas de aceite dos vehículos e que non se vertan medicamentos nin substancias tóxicas polos desaugadoiros ou sumidoiros.
Os enxeñeiros elaboraron métodos impresionantes para modernizar o sistema de desalinización, ou eliminación do sal na auga salgada. O obxectivo é que haxa máis cantidade de auga potable dispoñible.
Pero isto non é suficiente. Ata a desalinización parece ser unha solución pouco realista a longo prazo debido ó seu alto custo e a que require un gran gasto de enerxía. Nun informe do ano 2021 sobre a xestión da auga, unha fonte das Nacións Unidas afirmou: “A nivel global, hai que duplicar a taxa actual de progreso”.
Hai razóns para ter esperanza. O que di a Biblia
“Deus [...] deixa cae-las pingas de auga a esvarar como chuvia desde o ceo, orballando desde as nubes petando a chuvieira contra o chan” (Xob 36:26-28).
Deus creou os ciclos naturais para protexer a auga que hai na Terra (Eclesiastés 1:7).
Pensa nisto: se o noso Creador foi quen deseñou os procesos de purificación da auga doce, non terá tamén o desexo e a capacidade de reparar os danos que lle causou a humanidade a este recurso tan esencial para a vida? Mira o artigo “Deus promete que o noso planeta sobrevivirá”, na páxina 15.