Ir ó contido

Ir ó índice

AXUDA PARA QUEN PERDEU UN SER QUERIDO

Posibles desafíos

Posibles desafíos

Aínda que os expertos falan das etapas do dó, o certo é que cada persoa as experimenta dun xeito único e diferente. Significa iso que algunhas persoas se senten menos tristes ou que están a reprimir os seus sentimentos? Non necesariamente. Aínda que aceptar e expresar a dor pode ser de moita axuda, o certo é que non hai unha única maneira de pasar o loito. A cultura, a personalidade, as experiencias e a forma en que morreu o ser querido poden influír moito na forma en que unha persoa afronta a súa perda.

VOUNO PASAR MOI MAL?

Ninguén pode saber como se vai sentir despois da morte dun ser querido. Aínda así, hai certos sentimentos e desafíos que son comúns e para os que podes prepararte. Vexamos algúns deles:

Emocións descontroladas. Chorar desconsoladamente, ter un desexo moi intenso de ver o ser querido que morreu e sufrir cambios de humor son reaccións naturais. Estas emocións poden volverse aínda máis fortes cando nos veñen á mente imaxes da persoa ou cando soñamos con ela. Pero poida que a nosa primeira reacción sexa negarnos a aceptar o que pasou. Isto foi o que lle pasou a Tiina cando o seu home, Timo, morreu de forma inesperada. Ela recorda: “Nun primeiro momento quedei paralizada. Nin sequera era capaz de chorar. Sentíame tan angustiada que, ás veces, ata me custaba respirar. Simplemente non podía crer o que me estaba pasando”.

Ataques de ansiedade, ira e sentimentos de culpa. Ivan, que perdeu o seu fillo Eric de 24 anos conta: “Durante un tempo, a miña muller Yolanda e mais eu estabamos moi enfadados! Iso sorprendíanos porque nunca nos consideramos persoas que se enfadasen con facilidade. Tamén nos sentiamos culpables e nos preguntabamos se podiamos ter feito máis para axudar ó noso fillo”. Alejandro, que perdeu a súa muller despois dunha longa enfermidade, tamén experimentou sentimentos de culpa. El conta: “Ó principio, pensaba que se Deus me deixaba sufrir tanto era porque eu debía ser unha mala persoa. Despois sentinme mal por botarlle a culpa a Deus do que pasara”. E Kostas, do que falamos no artigo anterior, di: “Ás veces ata me enfadaba con Sophia por morrer. Logo sentíame culpable por pensar así, despois de todo, non fora culpa súa”.

Pensamentos negativos. Durante un tempo, poida que unha persoa que perdeu un ser querido teña pensamentos confusos ou mesmo ilóxicos. Por exemplo, poida que crea que está a escoitar, a sentir ou a ver a persoa que morreu. Quizais tamén lle custe concentrarse ou lembrar as cousas. Tiina explica: “Ás veces, estaba falando con alguén pero notaba que a miña mente estaba noutro sitio. Non podía deixar de pensar nos sucesos relacionados coa morte de Timo. Era moi frustrante non ser capaz de centrarme no que estaba a facer”.

Desexo de illarse. Poida que alguén que perdeu un ser querido estea irritable ou incómodo na presenza doutras persoas. Kostas di: “Cando estou con algunha parella síntome fóra de lugar, pero tampouco sinto que encaixe cos solteiros”. Yolanda, a muller de Ivan, recorda: “Resultábanos moi difícil estar rodeados de xente que nos falaba dos seus problemas porque parecían insignificantes en comparación cos nosos. Despois tamén estaban os que nos contaban o ben que lles ía ós seus fillos. Alegrábame por eles pero, ó mesmo tempo, facíame moito dano escoitalos. O meu home e mais eu sabiamos que a vida seguía, pero francamente, naqueles momentos non nos apetecía moito escoitar aquilo”.

Problemas de saúde. Tamén son habituais cambios no apetito, no peso e no sono. Aaron explica o que lle pasou o primeiro ano despois da morte do seu pai: “Tiña moitos problemas para durmir. Espertaba tódalas noites á mesma hora pensando na morte de meu pai”.

Alejandro recorda que empezou a ter problemas de saúde moi raros: “Fun ó médico varias veces pero dicíame que estaba san. É probable que os meus síntomas fosen consecuencia da dor que sentía pola perda da miña muller”. Co tempo, eses síntomas desapareceron. Aínda así, Alejandro fixo moi ben en ir ó médico. O loito pode debilitar as nosas defensas, agravar un problema de saúde existente ou causar un novo.

Dificultade para atender asuntos importantes. Ivan explica: “Despois da morte de Eric tivemos que encargarnos de moitos asuntos. Non só había que comunicárllelo á familia e ós amigos, senón tamén ó seu xefe e ó dono da casa onde vivía. Tamén tiñamos que encher un montón de documentos legais e encargarnos dos seus obxectos persoais. Todo iso requiría concentración, pero nós estabamos esgotados mental, física e emocionalmente”.

Para outros o desafío vén máis tarde, cando teñen que atender asuntos que normalmente atendía a persoa que morreu. Iso foi o que lle pasou a Tiina. Ela di: “Timo sempre se encargaba dos trámites bancarios e doutros asuntos administrativos. Agora tería que encargarme eu de todo, e iso facía que aínda sentise máis estrés. Non sabía como ía facer”.

Os desafíos emocionais, mentais e físicos que acabamos de mencionar poida que fagan que a morte dun ser querido pareza imposible de superar. O certo é que a dor que provoca o loito pode ser moi intensa. Pero coñecer de antemán os desafíos ós que te poderías enfrontar vaiche axudar. Por outro lado, lembra que non tódalas persoas experimentan tódolos síntomas que mencionamos. Ademais, pode ser moi tranquilizador saber que todos eses sentimentos relacionados coa perda dun ser querido son normais.

VOLVEREI A SER FELIZ ALGUNHA VEZ?

Que podes esperar? A intensa dor que se sente nestas circunstancias non dura para sempre, e pouco a pouco vai diminuíndo. Iso non significa que a vida volva ser coma antes nin que se esqueza á persoa que morreu. Poida que eses sentimentos reaparezan de forma inesperada ou cando cheguen certas datas, como o aniversario da morte. Pero o certo é que, co tempo, a maioría das persoas conseguen recuperar o equilibrio emocional e son capaces de concentrarse outra vez ó atender as actividades da vida diaria. Isto é máis fácil cando a persoa que perdeu un ser querido recibe o apoio da familia e dos amigos e cando dá os pasos necesarios para afrontar a situación.

Canto tempo vou tardar en conseguilo? Para algúns poida que o peor pase despois duns meses. Pero a moitos quizais lles leve un ano ou dous empezar a sentirse mellor. E incluso hai a quen lle leva máis tempo. a Alejandro di: “No meu caso, a dor máis intensa durou tres anos”.

Ten paciencia, vai día a día e ó teu ritmo. E lembra que a dor intensa que estás a sufrir non vai durar para sempre. Que podes facer para aliviar a túa dor agora e para evitar que se alongue demasiado no tempo?

É normal sentir moita dor cando se perde un ser querido

a Algunhas persoas experimentan unha dor moi intensa durante moito tempo. Isto é o que se coñece como loito “complicado” ou “crónico”. Nestes casos é posible que a persoa precise da axuda dun profesional da saúde mental.