TEMA DE PORTADA
A pornografía. Inofensiva ou perigosa?
Na actualidade, o mundo está cheo de pornografía. a Podemos atoparnos con ela en Internet, revistas, películas, música, videoxogos, anuncios, televisión, moda, redes sociais e dispositivos móbiles. Parece que a pornografía chegou a ser unha parte moi importante da cultura popular. Cada vez máis persoas, en máis lugares, están consumindo máis pornografía ca nunca antes na historia (mira o recadro “ Datos sobre a pornografía”).
A pornografía tamén está cambiando. A profesora Gail Dines escribe: “As imaxes chegaron a tal extremo que o que antes se consideraba pornografía dura agora é do máis normal”.
E ti que pensas? Paréceche que a pornografía non é máis ca un pasatempo inofensivo? Ou pensas que pode ser perigosa, coma un veleno mortal? Xesús dixo: “Toda árbore de boa caste produce froitos xeitosos, e toda árbore de mala caste produce froitos ruíns” (Mateo 7:17). Que froitos produce a pornografía? Para responder esta pregunta, imos analizar este asunto dende tres ángulos.
Que efecto ten a pornografía na persoa?
O QUE DIN OS EXPERTOS: A pornografía crea unha adicción moi forte. Algúns investigadores e terapeutas mesmo chegaron á comparala co crack, unha droga derivada da cocaína.
Brian, b que foi adicto á pornografía por Internet, di: “Non era capaz de parar. Era coma se estivese drogado. Ata tiña tremores e me doía a cabeza. Facía todo o posible por deixalo, pero pasaban os anos e non o conseguía”.
Os que caen no hábito de ver pornografía adoitan ocultalo. Péchanse e incluso menten para que non se saiba. Moitos acaban illándose e sentindo vergonza, ansiedade, depresión e rabia. E, nalgúns casos, mesmo poden chegar a ter pensamentos suicidas. Serxio, que miraba pornografía no seu móbil case tódolos días, di: “Volvinme egocéntrico e estaba desesperado. Sentíame inútil, culpable, só e atrapado. Pero estaba demasiado avergonzado e asustado como para pedir axuda”.
Incluso un contacto rápido e non intencionado coa pornografía pode ter un impacto negativo. Judith Reisman, unha coñecida investigadora que estudou os efectos da pornografía, dixo diante do Comité do Senado dos Estados Unidos: “As imaxes pornográficas quedan gravadas no cerebro e provocan alteracións nel. Crean unha pegada instantánea e involuntaria pero duradeira na memoria bioquímica [...] e son difíciles ou imposibles de borrar”. Susan, de 19 anos, viu por accidente imaxes pornográficas por Internet e acabou volvéndose adicta. Ela conta: “Teño aquelas imaxes gravadas na miña memoria e, cando menos o espero, véñenme á cabeza. Paréceme que nunca serei capaz de borralas por completo”.
CONCLUSIÓN: A pornografía escraviza e fai moito mal ás súas vítimas (2 Pedro 2:19).
Como afecta a pornografía ás familias?
O QUE DIN OS EXPERTOS: “A pornografía rompe parellas e familias” (The Porn Trap, Wendy e Larry Maltz).
Algúns dos motivos polos que a pornografía dana os matrimonios e as familias son os seguintes:
Debilita a confianza, a intimidade e o amor no matrimonio (Proverbios 2:12-17).
Promove o egoísmo, o distanciamento emocional e a insatisfacción coa parella (Efesios 5:28, 29).
Alimenta fantasías e desexos sexuais que non son sans (2 Pedro 2:14).
Pode facer que quen a ve intente obrigar a súa parella a realizar prácticas sexuais inaceptables (Efesios 5:3, 4).
Promove a infidelidade emocional e física (Mateo 5:28).
A Biblia dilles ós cónxuxes que non deben traizoarse un ó outro (Malaquías 2:16). A infidelidade é a clase de traizón que podería arruinar un matrimonio e facer que este remate en separación e divorcio, algo que tamén lles faría moito mal ós fillos.
A pornografía tamén lles pode facer dano ós fillos de forma máis directa. Brian, mencionado antes, explica: “Cando tiña uns dez anos, mentres xogaba ás agachadas, atopei por accidente as revistas pornográficas do meu pai. Empecei a miralas en segredo sen entender moi ben por que me atraían esas imaxes. Iso iniciou un ciclo destrutivo que chegou ata a idade adulta”. Varios estudos demostran que a pornografía pode facer que os adolescentes empecen a súa vida sexual máis cedo. Ademais, tamén pode influír neles facendo que se volvan promiscuos, sexualmente violentos e inestables en sentido emocional e psicolóxico.
CONCLUSIÓN: A pornografía é un veleno para as familias e causa moita dor e sufrimento (Proverbios 6:27).
Que pensa Deus sobre a pornografía?
A BIBLIA DI: “Polo tanto, dádelle morte ós membros do voso corpo que están na terra no que ten que ver coa inmoralidade sexual, a impureza, a paixón sexual descontrolada, os malos desexos e a cobiza, que é idolatría” (Colosenses 3:5, TNM).
En poucas palabras, Xehová c odia a pornografía. Iso non significa que non queira que desfrutemos do sexo. El foi quen creou as nosas facultades sexuais e quere que os matrimonios as utilicen para satisfacerse un ó outro, para fortalecer os lazos emocionais e para desfrutar xuntos da alegría de ter fillos (Santiago 1:17).
Entón, por que dicimos que Xehová odia a pornografía? Vexamos algunhas razóns:
El sabe que a pornografía pode destruír a vida das persoas (Efesios 4:17-19).
El ámanos e quere protexernos de calquera cousa que poida facernos mal (Isaías 48:17, 18).
Xehová quere protexer os matrimonios e as familias (Mateo 19:4-6).
Quere que sexamos limpos en sentido moral e que respectemos os dereitos dos demais (1 Tesalonicenses 4:3-6).
Quere que usemos as facultades sexuais dun xeito limpo e decente (Hebreos 13:4).
Xehová sabe que a pornografía transmite un punto de vista retorcido, egoísta e satánico do sexo (Xénese 6:2; Xudas 6, 7).
CONCLUSIÓN: A pornografía dana a amizade que unha persoa ten con Deus (Romanos 1:24).
Non obstante, Xehová é moi compasivo cos que queren fuxir das garras da pornografía. A Biblia di: “O Señor é misericordioso e clemente, tardo á ira e rico en mercedes. El sabe de que estamos feitos, recorda que somos lama” (Salmo 103:8, 14). Deus invita os que somos humildes a achegarnos a el “para conseguirmos misericordia e atoparmos gracia para unha axuda no seu debido tempo” (Hebreos 4:16; mira o recadro “ Como liberarse da adicción á pornografía”).
Moitas persoas aceptaron a axuda de Deus. Funcionoulles? Mira o que di a Biblia sobre algunhas persoas que conseguiron deixar malos hábitos: “Xa vos lavastes, xa vos consagraron e xa quedastes xustificados no nome do Señor Xesús Cristo e no Espírito do noso Deus” (1 Corintios 6:11). Igual que Paulo, elas tamén poden dicir: “Teño forzas para todo gracias a quen me fai forte” (Filipenses 4:13).
Susan, quen conseguiu superar a súa adicción á pornografía, di: “Xehová é o único que che pode axudar a volver ó rego. Se lle pides axuda e guía poderás chegar a ter unha boa relación con el. El nunca che vai fallar”.
a O termo pornografía refírese a calquera tipo de contido explícito producido co obxectivo de excitar sexualmente unha persoa. Pode incluír imaxes, gravacións en audio ou relatos escritos.
b Neste artigo cambiáronse os nomes.
c Segundo a Biblia, Xehová é o nome de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé.