Ir ó contido

OS NOSOS LECTORES QUEREN SABER...

Quen fixo a Deus?

Quen fixo a Deus?

Imaxina que un pai lle di ó seu fillo de sete anos: “Hai moito, moito tempo Deus fixo a Terra e todo o que hai nela. E tamén fixo o Sol, a Lúa e as estrelas”. O rapaz queda pensando e logo pregúntalle: “Papa, e quen fixo a Deus?”.

O pai respóndelle: “Ninguén, Deus sempre existiu”. E esta resposta é suficiente polo momento. Pero, segundo vai medrando, séguelle dando voltas á pregunta. Cústalle entender que alguén non tivese un principio, se ata o Universo tivo un principio. Pregúntase: “De onde vén Deus?”.

E, que di a Biblia? Basicamente, o mesmo que o pai do exemplo. Moisés escribiu sobre Xehová: “Primeiro que os montes xurdisen, e que fosen formados a terra e o mundo, desde sempre e por sempre es ti Deus” (Salmo 90:1, 2; grosa e cursiva nosa). O profeta Isaías dixo algo semellante: “Pero ti, ¿non o sabes? ¿Non o tes oído?: O Señor é Deus da Eternidade, El creou os extremos do mundo” (Isaías 40:28; grosa e cursiva nosa). A carta de Xudas tamén di que Deus existe “desde o principio, agora e por tódolos séculos dos séculos” (Xudas 25).

Estes textos demostran que, como Paulo dixo, Deus é o “Rei dos séculos” (1 Timoteo 1:17). Isto significa que Deus sempre existiu, sen importar canto vaiamos cara atrás no tempo, e que sempre existirá (Apocalipse 1:8). Deus non ten principio nin fin, esa é unha das principais características do Todopoderoso.

Pero, por que non nos é doado entender este concepto? Porque, como a nosa vida é limitada, temos un concepto do tempo totalmente distinto do de Xehová. Como é eterno, para el mil anos son coma un día (2 Pedro 3:8). Por poñer un exemplo: Un saltón adulto vive arredor de 50 días. Podería entón entender o que significa vivir 70 ou 80 anos coma nós? Dificilmente. Pois a Biblia explica que, comparados co noso Creador, nós somos coma ese saltón. E por iso a nosa capacidade mental está moi limitada comparada coa del (Isaías 40:22; 55:8, 9). Así que é normal que non poidamos entender algúns aspectos da natureza de Xehová.

Inda que nos custe entender o concepto de que Deus é eterno, en realidade ten sentido. Se alguén crease a Deus, ese alguén sería o creador. Pero a Biblia di de Xehová: “Ti es quen o creaches todo” (Apocalipse 4:11). Ademais sabemos que houbo un tempo no que o Universo non existía (Xénese 1:1, 2). De onde veu? O seu creador tivo que existir primeiro. Tamén existiu antes ca calquera outro ser intelixente, coma o seu primeiro Fillo e os anxos (Xob 38:4, 7; Colosenses 1:15). Está claro que, antes de empezar a crear, el era o único que existía. Ninguén o puido crear porque non había nada antes ca el.

A nosa existencia e todo o que hai no Universo son proba de que existe un Deus eterno. O ser que o puxo en movemento e que creou as leis que o controlan tivo que existir dende sempre. Só el puido darlles a vida ó resto dos seres vivos (Xob 33:4).