Cambiaron a Biblia as testemuñas de Xehová para que cadrase coas súas crenzas?
Non, en absoluto. Máis ben, se nalgunha ocasión descubrimos que as nosas crenzas non estaban de acordo coas ensinanzas da Biblia, cambiamos as nosas crenzas.
Moito antes de comezar a producir a Traducción del Nuevo Mundo de las Santas Escrituras en 1950, xa estudabamos a Biblia. Para investigar cales deberían ser as nosas crenzas utilizabamos calquera das traducións dispoñibles naquel tempo. Pensa nas seguintes crenzas que temos as testemuñas de Xehová froito daquela investigacion, e decide por ti mesmo se coinciden co que di a Biblia.
O que cremos: Deus non é unha trindade. O número de xullo de 1882 da revista Zion’s Watch Tower (hoxe en español La Atalaya) afirmou: “Os nosos lectores saben que, aínda que nós cremos en Xehová, en Xesús e no espírito santo, rexeitamos a ensinanza de que sexan tres deuses nunha persoa ou, como outros din, un deus en tres persoas, xa que é totalmente oposta ás Escrituras”.
O que di a Biblia: “Xehová noso Deus, Xehová é un” (Deuteronomio 6:4, Reina-Valera [RV], 1865). “Hai un só Deus, o Pai, do cal son tódalas cousas, e nós nel; e un Señor, Xesucristo” (1a Corintios 8:6, RV, 1865; ortografía actualizada). Xesús mesmo afirmou: “O Pai é maior ca min” (Xoán 14:28, Torres Amat, 1823).
O que cremos: non existe o tormento eterno no inferno. O número de xuño da revista Zion’s Watch Tower contiña un artigo titulado “O salario do pecado é a morte”. Respecto desta declaración, tomada de Romanos 6:23, o artigo dicía: “Esta declaración é clara e sinxela. Resulta estraño que moitos que aseguran que a Biblia é a Palabra de Deus insistan en contradicir esta afirmación, mentres seguen a dicir que cren, e que a Biblia ensina, que o salario do pecado é vivir eternamente no inferno”.
O que di a Biblia: “A alma que peque, esa morirá” (Ezequiel 18:4, 20, RV, 1865). O castigo final para todos aqueles que se opoñen a Deus non é o tormento eterno, senón a “destrución eterna”, ou “eterna ruína”, como di a tradución Nácar-Colunga de 1944 en 2a Tesalonicenses 1:9.
O que cremos: o Reino de Deus é un goberno real, non unha condición do corazón. Respecto do Reino de Deus, o número de decembro de 1881 da revista Zion’s Watch Tower comentou: “A creación deste reino implicará, por suposto, a eliminación de tódolos demais reinos da Terra”.
O que di a Biblia: “Nos días daqueles reinos o Deus do ceo levantará un reino, que non será xamais destruído, e este reino non pasará a outro pobo: senón que quebrantará e acabará todos estes reinos: e el mesmo subsistirá para sempre” (Daniel 2:44, Scío de San Miguel, 1850; ortografía actualizada).
Dependen as testemuñas de Xehová da Traducción del Nuevo Mundo de las Santas Escrituras para defender as súas crenzas?
Non, xa que seguimos a usar moitas traducións da Biblia na nosa predicación. De feito, aínda que poñemos gratuitamente a Traducción del Nuevo Mundo a disposición de todo aquel que queira estudar a Biblia con nós, tamén estudamos con todos aqueles que prefiren usar outras traducións.