Son sionistas as testemuñas de Xehová?
Non. As testemuñas de Xehová somos cristiáns e baseamos as nosas crenzas na Biblia. Aínda que hai relixións que cren que a Biblia predí unha reunificación de xudeus en Palestina, as testemuñas de Xehová non cremos iso. Estamos convencidos de que a Biblia non profetiza este acontecemento político. De feito, as Escrituras non apoian ningún goberno humano nin favorecen a ningunha raza sobre outra. La Atalaya, a revista oficial das Testemuñas de Xehová, afirmou con claridade que “o sionismo político non ten ningún fundamento bíblico”.
A Real Academia Galega define sionismo como “movemento político e relixioso anterior á creación do Estado de Israel en 1948, que pretendía o establecemento e consolidación dun estado xudeu en Palestina”. As testemuñas de Xehová non apoiamos a doutrina relixiosa do sionismo e somos totalmente neutrais no relacionado co sionismo político.
A organización das Testemuñas de Xehová é de carácter estritamente relixioso e non apoia ningunha ideoloxía política, o que inclúe o sionismo. A neutralidade política das testemuñas de Xehová é ben coñecida, e nalgúns países teñen sufrido severo acoso das autoridades por non querer renunciar á súa neutralidade. Estamos convencidos de que o Reino de Deus fará o que ningún goberno humano pode: traer paz eterna á Terra.
Un principio básico polo que nos reximos as testemuñas de Xehová é a obediencia ó goberno, sen importar onde vivamos. Non nos rebelamos contra as autoridades nin participamos en conflitos armados.